Xacementos Arqueolóxicos
Marco da Anta
Atópase nos Montes de Santa Locaia de 373 m de altura, entre as parroquias de Loureda e de Erboedo, á beira dun antigo Camiño na cunca alta do río Anllóns. A súa cronoloxía corresponde ao Neolítico-Calcolítico (4.500-2.500AC).
Trátase dunha pedrafita realizada en granito de gran groso, con 205 cm de alto, 75 cm de ancho na base prismática e 38cm na punta. No extremo distal presenta un suco de 4 cm de grosor nunha vea de seixo que se aproveitou para realizar unha escotadura pola cara oeste. Conserva catro calzos á vista.
Esta entalladura tense entendido como unha representación fálica da Pedra; na cultura popular a “Pedra do Ghicho” ten un marcado folclore sexual.
Este é o único menhir en pé da Costa da Morte. Xa aparece recollido no 1920 por Carré Aldao na Geografía General del Reino de Galicia.